Primeira acollida en Galicia Acolle

20/5/2010 @ admin


Primeira acollida en Galicia Acolle

O primeiro encontro, a primeira conversa… sempre é un reto e moi importante nunha relación. E así o vemos en Galicia Acolle. Deste xeito, contamos para que este primeiro contacto vaia sobre rodas, con dúas rapazas que están a realizar as prácticas do TASOC (Técnico Animación Sociocultural). Elas son Estefanía Escobar e María Viqueira. Realizan as entrevistas cos usuarios e cobren, xunto a eles, as súas correspondentes fichas sociais que achegarán a información necesaria para que todos os servizos dos que dispón Galicia Acolle poidan pórse en funcionamento.

Un dos máis demandados é o servizo de emprego. A elas, xunto con Irma Priscila Mariscal, correspóndelles estudar as ofertas a nivel autonómico que saen cada martes e xoves en Máis Compostela (Boletín de ofertas de emprego) e noutras fontes, así coma na rede, e ver a que perfís (segundo a ficha social) se adecúan. Logo, poranse en contacto coa persoa interesada para informarlle das diferentes opcións. Moitas veces son os propios ofertantes os que acoden directamente á nosa asociación en busca de persoas que poidan estar interesados no posto que estes precisan cubrir.

Debido á cantidade de usuarios que demandaron ao longo dos últimos anos este servizo, e que moitas veces xa están fóra de Galicia, ou ben xa atoparon traballo, teñen sempre preferencia os de recente solicitude.